29/4/09

CANTEIRA DE ESCRITOR@S


O alumnado de sexto estamos metidos de cheo nun proceso creativo intenso. Xa levamos varios días nos que Xesús Constela nos invita a traballar coas palabras dun xeito moi participativo e dinámico.

Os resultados podedes consultalos un pouco máis abaixo.

28/4/09

23 de abril DÍA DO LIBRO




Como xa sabedes. para conmemorar o DÍA DO LIBRO, no cole fixemos unha exposición do QUIXOTE.


Grazas á colaboración das familias conseguimos 50 exemplares diferentes desta novela. Mirade que ben quedou!!!


18/4/09


Dentro das actividades a realizar para a conmemoración do Día do Libro, ven de programarse un Obradoiro de Creación Literaria, promovido pola Asociación de Escritores en Lingua galega. O vindeiro martes, 21 de Abril, recibiremos a visita de Xesús Constela, autor entre outras obras de " Shakespeare destilado".

Incorporamos esta pequena reseña de Xesús Constenla para que sepades algo acerca do autor que nos visita, se premes en " Shakespeare destilado", podes acceder o blog do autor.

Constela, Xesús
AUTOBIOGRAFÍA

Nacín no Ferrol de antes das reconversións industriais un 2 de xaneiro de 1963 no Sanatorio do Carme. Estudei a EXB no colexio público "Ibáñez Martín", de onde vén o meu amor pola lingua, e logo fixen o Bacharelato no Instituto Concepción Arenal, onde gañei dous premios literarios para os estudantes do Centro, dada a miña afección a escribir versos que destilaban amor, mar, loita e, por riba de todo, adolescencia. Un xeito de retrato de min mesmo entre os dezasete e os vinte anos. Tamén participei no grupo de teatro "Berenguela", no que chegamos a representar unha pequena obra miña e outra de Manuel María por toda canta asociación de veciños e sociedade cultural nos poñían por diante.

Logo marchei á cidade de Salamanca para estudar Filoloxía Inglesa na súa tan famosa Universidade, onde tamén participei en pequenas revistas de creación literaria para estudantes. Licencieime no ano 1986 e marchei a Barcelona, cidade da que aínda agora teño saudades mestas coma néboas de inverno. Dende ese momento dediquei a miña vida ao ensino da lingua inglesa en Institutos, traballo que me fixo cambiar moitas veces de residencia (Santiago, Ferrol, Monforte, Pontevedra) e agora Poio.

Lector de prosa infatigable, un día decidín verter nunha serie de relatos as cousas que ía destilando a miña cabeza e dese xeito tan sinxelo naceron As humanas proporcións. Cal non sería a miña sorpresa cando vin o meu labor recoñecido co premio Torrente Ballester na súa decimo quinta edición (2003). Publicado por Galaxia en setembro de 2004, en marzo de 2005 o libro recibiu o premio da Asociación Española de Críticos Literarios na súa modalidade de narrativa en galego.

Colaboro de xeito habitual no suplemento "Nordesía" do Diario de Ferrol e ando a escribir unha novela coa que quero agasallar aos meus fillos, que agardo que saia publicada en 2007, ao tempo que dedico o meu tempo de lecer a cultivar unha horta pequeniña e a devorar con paixón os literatos do momento, entre outras cousas que non vou comentar por pertencer á miña intrahistoria máis privada.