24/11/20

A importancia de saber decir que non e que xa basta

 Hoxe é un día moi importante no que celebramos ás princesas valentes que son capaces de dicir que non. E moitas veces esas princesas capaces de dicir que non e que xa basta pagan un prezo moi alto pola súa valentía.

O libro que imos ver titulase "A princesa Non". E o seu autor é Martín Badía.

A esta princesa non lle gustaba tomar o te con as outras princesas, nin poñerse vestidos enormes con lazos brillantes, nin asistir ao baile para coñecer ao seu príncipe azul nin cousas así. Un día, o rei enfádase e encérraa na torre máis alta do castelo e dille que a deixará saír cando diga sí. Pero a princesa Non, non está disposta a acatar semellante castigo.

Saber dicir que non e ser capaces de manternos nese non que sabemos que é necesario é unha das habilidades sociais máis importantes e unha capacidade que necesitamos durante toda a nosa vida. Se o tu xa sabes facelo, non perdas esa habilidade. Se aínda che custa facelo, pide axuda para aprender como incorporar esa capacidade ao teu repertorio de habilidades persoais.


23/11/20

Mais mulleres valentes

 Hoxe dedicámoslle un momento a outro grupo de mulleres valentes, nesta ocasión todas elas son mulleres galegas que abriron novos camiños.

O libro titúlase "Pioneiras, galegas que abriron camiños", é da editorial Xerais, escribiuno Anair Rodríguez e as ilustracións son Nuria Díaz. Tamén o podes atopar no Recuncho de Igualdade da biblioteca do cole.

Este libro empeza contándonos a historia de Exeria, que foi a primeira muller escritora, da que sabemos, de toda a Hispania romana. Fai xa case 2000 anos, cando Galicia chamábase Gallaecia.

Tamén nos fala de Marcela e Elisa, que foron dúas mulleres que romperon barreiras de xénero e casaron cando ninguén pensaba que dúas mulleres puideran casar e por esta razón tiveron que enfrontarse a ser perseguidas.

Así ata 12 mulleres que romperon barreiras e abriron novas oportunidades para as seguintes xeracións. Non te perdas este libro!



22/11/20

O Recuncho de Igualdade

 Esta é unha semana importante. Celebramos o Día Internacional contra a violencia de xénero. Déixame que sexa máis específica: calquera violencia contra calquera xénero. Este día axúdanos a reflexionar no valor individual das persoas. No seu dereito para escoller e a ser elas mesmas.

Na nosa biblioteca atoparás unha sección moi importante: O recuncho de igualdade. Aí están os libros que nos falan de identidade, dereitos humanos e igualdade.

Hoxe imos falar dun deses libros.


"Las chicas van donde quieren" cóntanos a historia de 25 aventureiras que cambiaron o mundo. Empeza en 1740 con Jane Baret, que foi a primeira muller que dió a volta ao mundo, e termina en 1989 con Cassie DePecol, que foi a primeira muller en visitar todos os países do mundo.

No libro atoparemos mulleres pirata, mulleres periodistas, mulleres científicas, mulleres artistas, mulleres feministas, mulleres deportistas... Todas elas mulleres valentes que tiveron un soño e foron a por ese soño.

E ti? Cal é o teu soño?