22/5/23

CHARLA LECTURA E FAMILIAS

 Hoxe, na Biblio da Caracola Tola aprendemos e gozamos moito na primeira sesión de comunicación activa e asertiva da man das expertas Marivic (Sensei de Judo e Coach) e Olga (Psicóloga). 

Olga explicounos moi ben o que implica a adolescencia, esa etapa chea de cambios que non resulta doada, nin para os e as adolescentes nin para as familias que as acompañan. 

Marivic explicou a importancia de coidar a relación cos seus fillos e fillas para poder seguir da súa man e estar aí. Que importante é saber escoitar e saber comunicar. Este foi o primeiro de catro, estamos desexando repetir! 

Grazas ás familias que participástedes. Esperámosvos de novo o próximo sábado!








11/5/23

POLO CORREO DO VENTO

 Hoxe tivemos na biblio da Caracolatola unha visita moi especial: “Polo Correo do Vento”. 

O día das letras galegas está a caer e no Alexandre Bóveda xa estamos quentando motores. 

Este ano o homenaxeado é Francisco Fernández del Riego e hoxe puidemos coñecer a súa historia grazas a unha pequena biografía ilustrada de Polo correo do vento.

Dende os máis pequenos ata os medianos do cole, gozaron dunha sesión “espectacular”, así a definían algúns dos participantes.

Ademais de achegarnos á figura das Letras Galegas deste ano, axudáronnos a desenvolver un chisquiño máis a nosa creatividade  e expresión artística. Antes de comezar o obradoiro escoitamos algunha voz de “eu non sei debuxar” mais os resultados amosan todo o contrario, cada un e cada unha obtivo una estupenda caricatura de Francisco Fernández del Riego! 

Grazas Enrique Mauricio por agasallarnos con esa historia oral e Carlos Taboada por guiarmos no noso debuxo!






9/5/23

LECTURA E FAMILIAS

  A biblioteca da CARACOLATOLA presenta... ENCONTROS NA BIBLIOTECA!!


Tras recabar información sobre as inquedanzas e necesidades das familias... preparamos 5 encontros que non vos podedes perder!!



Todos eles requiren INSCRIPCIÓN PREVIA, mandando un correo electrónico a bibliodacaracolatola@gmail.com

Nese correo debes indicar:
- CONCEPTO: o que se indica para cada un dos encontros.
- NOME e APELIDOS das persoas da familia que van a asistir. (LEMBRA! Algunhas propostas son só para familias, e noutras tamén pode vir o alumnado).



Dende o equipo de biblio contestarémosvos indicando se tendes plaza ou estades en lista de espera.

Pregámosvos ás persoas interesadas que se reservan plaza, comprométanse a vir. En caso de xurdir algún imprevisto, agradecémosvos que avisedes coa maior antelación posible, para poder cederlle a plaza a outra persoa.

Se tendes algunha pregunta, non dubidedes en escribirnos por correo! Intentaremos contestar o antes posible!








SEMANA DO LIBRO 2023

 A semana do libro está chea de actividades para desfrutar! Onte, dende a biblioteca da Caracola Tola propúxose a caracterización do noso personaxe de libro favorito.

  Mirade que abanico de personaxes!





Conta a lenda que san Jordi matou un dragón empregando a súa espada e do sangue que se derramou brotou un rosal con flores vermellas.
A cativada do Angorén facendo uso desta lenda, púxose mans a obra e crearon rosas cunha mensaxe para regalar a quen quixesen!!




DÍA DA POESÍA

 O 21 de marzo celebramos o Día da Poesía.

O alumnado do centro foi partícipe en numerosas actividades ao redor da poesía. Non só lemos e recitamos poemas, tamén inventamos, creaMos e ilustramos!

E ben aproveitamos a radio para recitar os poemas en directo.


Aquí deixamos pequenas mostras do proceso de diferentes grupos.

 
 







8 DE MARZO NA BIBLIOTECA

 Esta semana, co motivo do Día da Muller, a biblio da Caracolatola encheuse dun espírito de reivindicación da igualdade entre homes e mulleres, entre nenos e nenas. 

Na biblio puidemos aprender moito sobre a historia e o significado do 8M, así como continuar descubrindo referentes femininos con xogos de mesa. Un material fantástico de lapizele.




Ademais, o equipo de biblio organizou lecturas de historias de mulleres pioneiras que abriron o camiño en moitos ámbitos da sociedade, loitando e defendendo os dereitos das mulleres.